Reunión da Xunta Local de Seguridade de Valdoviño

O subdelegado do Goberno na Coruña destacou os bos indicadores de seguridade de Valdoviño, xa que a taxa de criminalidade do ano 2025 situouse no 23,6, o que supón 27 puntos menos que a taxa nacional

Valdoviño, 10 de xullo do 2026. O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o alcalde, Alberto González, copresidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade do Concello de Valdoviño. Un dos puntos centrais da reunión foi a coordinación entre as forzas e corpos implicados nos dispositivos para garantir a seguridade durante os eventos do verán, entre eles, o Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026 e a eclipse do 12 de agosto.

Na Xunta Local de Seguridade participaron tamén representantes da Garda Civil e do Subsector de Tráfico; membros do Concello e de Patrimonio Natural, así como efectivos da Policía Local, Policía Portuaria e Policía Autonómica. Todos coincidiron en que a preparación e vixilancia do operativo que se despregará o día da eclipse supón un reto, xa que o municipio ten máis de 25 quilómetros de costa e 17 praias.

Ao respecto, Julio Abalde destacou a excelente coordinación entre os Corpos e Administracións presentes, cun dispositivo deseñado para evitar complicacións. Aínda así, engadiu que a colaboración cidadá é esencial para garantir a seguridade e posibilitar que todos os veciños, veciñas e visitantes poidan desfrutar do fenómeno astronómico sen incidentes. “A responsabilidade, a planificación e a non improvisación son esenciais para evitar aglomeracións de persoas”, indicou.

Durante a avaliación dos datos de criminalidade, Julio Abalde destacou os bos indicadores de seguridade de Valdoviño, xa que a taxa de criminalidade do ano 2025 situouse no 23,6, o que supón 27 puntos menos que a taxa nacional. O subdelegado felicitou á Garda Civil e á Policía Local polo esforzo realizado para lograr uns datos tan bos e manter un nivel excelente de seguridade no municipio. Ademais, lembrou que Galicia é a segunda comunidade autónoma máis segura de España e que España figura entre os países máis seguros de Europa.

Plan Director

Durante a reunión tamén se presentaron os resultados do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas Contornas, unha iniciativa do Ministerio do Interior desenvolvida no municipio pola Garda Civil.

Durante o curso 2025/26, o único centro educativos do municipio solicitou charlas do programa, cun total de 241 persoas beneficiadas. Foron un total de 12 actividades e os temas principais tiveron que ver con ciberseguridade, acoso escolar e prevención de delitos de odio.

Seguimento da violencia de xénero

Outro dos asuntos tratados na Xunta Local de Seguridade foi a coordinación das actuacións en materia de violencia de xénero. O Concello de Valdoviño forma parte do Sistema VioGén, impulsado polo Goberno de España para o seguimento e protección das vítimas.

Na provincia da Coruña están activos actualmente 2.721 casos activos de violencia de xénero. Neste contexto, Julio Abalde reiterou o compromiso do Goberno coa protección das vítimas e coa colaboración institucional para reforzar os mecanismos de prevención, seguimento e atención. “O obxectivo común debe ser ofrecer a máxima protección ás vítimas e seguir avanzando na loita contra todas as formas de violencia machista”, subliñou.

O Concello de Valdoviño recibiu desde o ano 2018 un total de 30.563 euros de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, dos que 10.579 foron adxudicados no ano 2025.