Rematan as actuacións para esta anualidade dentro do proxecto “Un Océano de posibilidades: dinamización do Océano Surf Museo”
Trátase dun proxecto presentado polo concello de Valdoviño e financiado polo GALP A Mariña – Ortegal
Valdoviño, 13 de novembro do 2024. O proxecto “Un océano de posibilidades”, que recolle actuacións ata o ano 2026, ven de rematar as iniciativas presentadas para esta primeira anualidade.
Sendo o seu principal obxectivo a dinamización da actividade do Océano Surf Museo (OSM) -o primeiro e único museo do territorio nacional dedicado exclusivamente ao surf – durante estes meses deseñáronse unha serie de obradoiros e material didáctico de temática surfeira que serán impartidos durante o próximo curso escolar nos centros do concello. Este material persegue a posta en valor do litoral e da súa contorna, o coñecemento da historia local do surf, consellos para a iniciación nesta disciplina e recomendacións para o coidado do medio natural.
Complementario a estes traballos, deseñouse un certame escolar no que os e as máis novas do concello poderán plasmar de forma creativa todos os coñecementos adquiridos.
Outra das actuacións incluídas nesta anualidade foi o deseño da imaxe gráfica do que será a Xornada de Surf e Desenvolvemento Sostible, evento sobre surf e sostibilidade que terá lugar o próximo ano 2025. Esta xornada, aberta aó público, será de especial interese para os profesionais vinculados ao surf, poñendo especialmente o foco no surf adaptado. Outro dos temas a tratar será como o surf pode axudar a evitar o despoboamento e a promoción do emprego nas zonas rurais.
Un dos principais obxectivos deste proxecto é poñer en valor os recursos naturais e materiais vinculados ao mar e a actividade surfeira como elementos principais da identidade local para o desenvolvemento cultural e económico do concello, así como fomentar, a través da educación e a divulgación, a importancia do patrimonio cultural, material e inmaterial, vinculado ao mar e ao surf. Do mesmo xeito, traballarase na promoción da realización de actividades náuticas e acuáticas entre a mocidade, como ferramenta para a adquisición de hábitos de vida saudables.
«Un océano de posibilidades» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal.