Regresan a Valdoviño as rutas saudables organizadas por Concello e a AECC

A inscrición no programa está aberta no 981 37 00 03 e ferrol@contraelcancer.es

Valdoviño, 31 de outubro do 2022. O Concello de Valdoviño e a Asociación Española contra o Cancro retoman este domingo o programa de Rutas Saudables no municipio. Andainas coas que combater o sedentarismo a través da promoción dunha vida activa, construíndo un espazo de encontro que facilite as relacións persoais, e aumentando así a motivación necesaria para impulsar a práctica de exercicio físico.

Abertas á poboación en xeral, celebraranse quincenalmente, e arrancan este domingo ás 11 horas no paseo da Frouxeira, sinalizada na pasada edición. Pola dinámica da acción, as prazas son limitadas, e a inscrición pode formalizarse a través do telf. 981 37 00 03 ou correo ferrol@contraelcancer.es. Hai que sinalar nome e apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto. A partir de aí, deseñaranse novos itinerarios.