Redrum Teatro dá visibilidade a casos reais de violencia de xénero en “Invisibles”
A compañía representará a peza este venres ás 20:30 h no auditorio, con entrada de balde e no marco do ciclo municipal “Ven o Venres”
Valdoviño, 14 de marzo do 2025. O Concello de Valdoviño retoma neste 2025 o ciclo de teatro «Ven o Venres» coa representación de «Invisibles», unha obra de Redrum Teatro que nos ofrecerá sete testemuños reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Dirixida por Marián Bañobre, as actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez protagonizan a obra, unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo.
A función terá lugar este venres 14 de marzo ás 20:30 horas no auditorio municipal, con entrada libre ata completar capacidade. Inclúese na programación «Somos e Contamos», deseñada para conmemorar o Día da Muller, e levará ao público a un lugar indeterminado onde tres mulleres darán voz a sete casos reais de malos tratos para avanzar no camiño para conquerir que non haxa máis invisibles.
Trátase dunha coprodución entre Redrum Teatro, o Centro Dramático Galego, a Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra e a Deputación da Coruña, avalada por numerosos recoñecementos como o Premio Luisa Villalta a proxectos de Igualdade; o María Casares á Mellor Dirección (Marián Bañobre), á Mellor Adaptación (Marián Bañobre e Santiago Cortegoso) e Mellor Iluminación (Laura Iturralde).