Recoñecemento a Protección Civil de Valdoviño polos seus anos de entrega e servizo público
A Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España entregou onte as súas Medallas de Mérito e Recoñecemento á Antigüidade
Valdoviño, 8 de maio de 2022. A Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España facía entrega no día de onte das súas Medallas de Mérito e Recoñecemento á Antigüidade e a Constancia. O acto celebrábase na Academia Galega de Seguridade sita na localidade da Estrada, a onde se desprazaba o alcalde de Valdoviño, Alberto González, acompañando á ampla delegación local que ía recibir algunha das distincións aprobadas. Todo un orgullo para o pobo de Valdoviño xa que, segundo comentaba o propio rexidor, recoñécese a vocación de servizo público, a entrega e solidariedade dos nosos veciños e veciñas, máis aínda cando esa labor se desempeña durante tantos anos, en ocasións, toda unha vida.
É o caso do xefe de Protección Civil de Valdoviño, Francisco Dopico, que recibía a Gran Cruz da Constancia polos seus máis de 35 anos como voluntario e a do Prestige PTO.CERO. Xunto a el, os seus compañeiros Ignacio Cabana, María Teresa Codesido e Andrés Rey eran recoñecidos coa Medalla de Prata distintivo blanco (entre 15 e 20 anos de servizo); Sandra Dopico e Manuel López, a Medalla de Bronce con distintivo laranxa (entre 10 e 15 anos), e Eva María Castro, Margarita Rama, Paulo Couce e María Ferreira, a Medalla de Bronce con distintivo branco (entre 5 e 10 anos)