Reanúdanse os traballos para a redacción do futuro Plan de Urbanismo de Valdoviño

Reunión de traballo esta mañá entre o equipo redactor, o alcalde e o concelleiro de Urbanismo

A empresa redactora do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) comezou os traballos de elaboración do documento que marcará o desenvolvemento urbanístico do municipio nos próximos anos. Así, esta mañá o equipo redactor mantiña unha primeira xuntanza co alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Urbanismo, Sergio Saavedra. O rexidor lembraba que o Concello víase obrigado hai uns meses a sacar de novo a concurso a redacción do plan despois de que a anterior empresa adxudicataria entrase en concurso de acreedores e renunciase ao contrato. Unha situación que, aínda que retrasou a elaboración do plan, non paralizou a actividade respecto á planificación urbanística. E así, iniciábase a tramitación administrativa do expediente de delimitación de 37 novos núcleos rurais e a redacción definitiva da modificación puntual do planeamento para a implantación de campamentos turísticos en Valdoviño. 

Agora, o traballo da nova adxudicataria do plan desenvolverase ao longo dos próximos 16 meses, prazo que se estima para concluír a redacción do documento. Pasaría entón á Xunta de Galicia, administración competente para a súa aprobación definitiva, e que permitiría deixar atrás unhas normas subsidiarias coas que hoxe en día se rixe Valdoviño aprobadas hai case que 40 anos.

 

.