Raquel Queizás trae este domingo a Valdoviño o seu “Cinema Marabillas”
Retirada de invitacións na Casa da Cultura hoxe, e de mércores a venres
Valdoviño, 11 de outubro de 2021. A narradora Raquel Queizás trae o seu «Cinema Marabillas» este domingo 17 de outubro a Valdoviño. Dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos e ás súas familias, o espectáculo arrancará ás 18 horas no auditorio da Casa da Cultura, incluído na programación cultural do Concello de Valdoviño e no programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
A través do «Cinema Marabillas», nenos/as e maiores poderemos desfrutar vendo as primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos marabillosos e nos libros clásicos da literatura. Descubriremos tamén que o cine mudo é unha arte que pode resultar moi divertida, e non faltará aventura, humor, misterio, maxia, fantasía e, sobre todo, moita imaxinación. E é que a literatura é, e sempre será, unha gran fonte de inspiración para o cine.
As persoas interesadas en asistir á función deben retirar a súa invitación na Casa da Cultura en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 h (o martes, ao tratarse de festivo, as instalacións permanecerán pechadas).