Raquel Calvo Gómez inaugura en Valdoviño a súa exposición “Paisaxes interiores”

O acto terá lugar o venres ás 19 h na casa da cultura, e a partir de entón e ata o 31 de outubro, poderá visitarse de luns a venres de 10 a 13 e de 17 a 19 h

Valdoviño, 08 de outubro do 2025. A artista plástica Raquel Calvo Gómez inaugurará en Valdoviño a exposición de pintura «Paisaxes interiores». O acto celebrarase este venres na casa da cultura, ás 19:00 horas, coa presenza da tamén arteterapeuta, danzaterapeuta e coach, e entrada libre. A partir de entón, a mostra poderá visitarse ata o 31 de outubro, de luns a venres de 10 a 13 h e de 17 a 19 h.

A súa pintura nace do corpo, da emoción e do movemento. Na liña do expresionismo abstracto -con referentes como Pollock, Twombly, Rothko, Willem de Kooning ou Lee Krasner-, Raquel traslada aos seus lenzos emocións, sentimentos e sensacións. En «Paisaxes interiores» fai visible o invisible a través da cor e do xesto. Cada obra é unha ponte entre natureza e subxectividade, unha viaxe cara a dentro que, porén, nos devolve ao horizonte compartido de Valdoviño.

Nacida en Ferrol, e tras dúas décadas de vida, traballo e formación entre Bruxelas e Barcelona, a artista regresaba en 2020 a Ferrolterra, establecéndose en Valdoviño. Neste reencontro coa súa terra, as súas paisaxes interiores dialogan coas paisaxes exteriores, evoluíndo a súa paleta de cores e ampliando os seus procesos creativos cara a medios e grandes formatos que realiza no seu propio xardín.