Quince artistas compiten este sábado no terceiro Concurso de pintura rápida ao aire libre de Valdoviño

O certame contará con participantes procedentes de catro comunidades autónomas

Valdoviño, 25 de agosto do 2023. Pantín e a súa xente servirán este sábado de inspiración para os 15 artistas, chegados desde distintos puntos da Península, que confirmaron a súa participación no “III Concurso de Pintura rápida ao aire libre do Concello de Valdoviño”.

A localidade converterase en punto de encontro para artistas que buscan o enclave perfecto para pór en práctica as súas técnicas pictóricas. E así, creadores procedentes de Galicia, Asturias, Castela León e Madrid afrontarán nesta segunda entrega do certame o reto de terminar o mellor cadro posible en cuestión dunhas horas.

Segundo figuran nas bases do concurso, cada participante poderá presentar unha soa obra, que terá que executar in situ diante do motivo ou do modelo natural, que ten que atoparse na área delimitada pola organización. Como nas edicións precedentes, o estilo e máis a técnica serán libres, pero a temática das creación deberá versar sobre a paisaxe, o espazo físico e as súas xentes e costumes.

As obras, realizadas nunhas poucas horas, terán que ser entregadas entre as 16.30 e as 17.30 horas nas inmediacións da caseta de socorrismo de Pantín. Nesta contorna exhibiranse as obras a concurso ata as 18.30 horas, momento no que o xurado dará a coñecer o seu fallo. Haberá tres premios principais, dotados de 1.000, 500 e 300 euros e diploma.

En caso de mal tempo, a actividade trasladarase á Casa da Cultura e, “se así o decide a organización o mesmo día do concurso”, os artistas poderían facer as súas obras, a partir de fotografías que tomen do motivo elixido.

 

BASES DO CONCURSO EN GALEGO

BASES DO CONCURSO EN ESPAÑOL

FICHA DE INSCRICICIÓN EN GALEGO

FICHA DE INSCRIPCIÓN EN ESPAÑOL