Imprescindibles da nosa franxa litoral, atmosfera con aroma a mar e salitre.
Imprescindibles da nosa
franxa litoral.
A costa de Valdoviño é un auténtico agasallo para os sentidos. Imprescindible para calquera que ame a natureza no seu estado máis salvaxe. Envolta nunha atmosfera con aroma a mar e salitre, é un miradoiro privilexiado con vistas ao Océano Atlántico. Furioso no inverno, co ruxir das ondas batendo contra os seus impresionantes cantís, e apracible no verán, cunha calma que convida á introspección. Un horizonte que cremos poder alcanzar coa man, pero sen final. A costa de Valdoviño gusta e sempre quererás máis. Convidámoste a realizar unha viaxe cos cinco sentidos.
Está pensado para facer a pé de forma autoguiada.
Ermida do Porto.
Esa viaxe pola costa de Valdoviño empeza con lenda, na Ermida da nosa Señora do Porto. Contan os nosos avós e as nosas avoas que na parroquia de Meirás, nas augas que bañan a praia do Porto, apareceu a imaxe dunha virxe. Os mariñeiros da zona trasladárona a terra, pero ao día seguinte a talla volveu ao seu lugar de orixe. Foi entón cando decidiron levantar nunha das penas rochosas do areal unha pequena ermida que bautizaron, como a virxe, co nome da praia. Sinxela e modesta, álzase así e todo grandiosa sobre o seu pedestal pétreo. O mar só nos permite acceder a esta xoia da costa de Valdoviño cando hai marea baixa pero dá igual porque, sexas turista ou do municipio, a súa mera contemplación merece a pena. Resiste, grandiosa, o envite das ondas e o acoso dos temporais contra o seu pedestal. E cada ano, cada 11 de xullo, convértese en zona de peregrinación obrigada, coa Romaría do Porto.
Faro de Punta Frouxeira.
Desfacendo uns metros o camiño, podemos chegar a outro punto imprescindible da costa de Valdoviño. Punta Frouxeira. Un impresionante cantil de 40 metros de altitude sobre o nivel do mar e un miradoiro por excelencia da costa atlántica.
Enclave do faro máis singular de todo o litoral atlántico, grazas á súa arquitectura modernista, o faro de Punta Frouxeira. Foi construído no 1992, marcando un antes e un despois polo seu carácter vangardista. 30 metros de altura, fachada acristalada e figura rectilínea, dun azul intenso como o océano. Comezou a dar servizo á costa de Valdoviño no 1994, converténdose no primeiro faro de toda España en ser monitorizado e radiocontrolado. No 2008 o Faro de Punta Frouxeira sofre unha profunda remodelación estética, que conclúe co peche da escaleira e a retirada da súa fachada de cristal, quedando tan só unha xanela por piso. E, catro anos despois, volve ser pioneiro ao converterse no primeiro faro español de longo alcance con tecnoloxía led.
O seu emprazamento en Punta Frouxeira permítenos observalo dende practicamente calquera punto de Valdoviño, aínda que merece a pena achegarse ás súas instalacións para contemplar a súa singularidade e as excelentes panorámicas que ofrece da costa.
Batería de Punta Frouxeira.
Coma se dun labirinto se tratase, aos pés do Faro de Punta Frouxeira, consérvanse aínda os restos da antiga batería militar de costa, no interior mesmo do cantil. Unha instalación militar defensiva construída nos anos 20 durante a ditadura de Primo de Rivera. Unha base e defensa hoxe abandonada, pero cuxa estrutura permítenos aínda rememorar os seus antigos usos.
Á esquerda do Faro de Punta Frouxeira consérvase a garita de vixilancia militar e, á súa dereita, os túneles militares, que tamén comunican coa primeira. Eses túneles desembocan en senllos miradoiros á costa atlántica que, curiosamente, nos anos 30 acollían dous grandes proxectores de luz para iluminar pola noite o océano en previsión de ataques inimigos a baterías próximas, como as de Campelo, tamén emprazadas en Valdoviño, facilitando os disparos dos seus canóns. Hoxe en día consérvanse espazos que, no seu momento, albergaron a cociña, os aseos ou o búnker.
Ademais, a uns 500 metros, e desde a mesma pista de acceso ao Faro de Punta Frouxeira, podemos visitar unha segunda garita de vixilancia, conectada cos mesmos túneles vía subterránea.
Baterías de Campelo.
Co pasado militar da costa de Valdoviño está moi presente na parroquia de Meirás, onde podemos visitar as baterías de Campelo. Nos anos 30, a defensa da Base Naval e os Estaleiros de Ferrol levou á “construción” da maior e máis potente zona defensiva litoral do mundo enteiro na franxa costeira entre a cidade naval e A Coruña. Baixo a ditadura de Primo de Rivera, e ao amparo do coñecido como Plan 1926, púxose en marcha toda unha serie de infraestruturas militares defensivas na costa, dotadas da máis moderna artillería. E, entre elas, as de Valdoviño.
Unha das catro baterías encargadas no Golfo Ártabro da defensa do Arsenal de Ferrol instalouse en Campelo. Douscentos metros sobre o nivel do mar, cun campo de visión privilexiado. Contaba coa última enxeñería militar inglesa, dous canóns Vickers de 38,1 centímetros; catro de 15,24 centímetros e outros catro canóns antiaéreos de 10,5 centímetros cun alcance de 35 quilómetros, que mesmo chegaba aos 42. No caso dos primeiros, a maior parte do seu mecanismo instalábase baixo terra, podendo apreciarse tan só o tubo do canón, duns 18 metros de lonxitude. O abrupto do lugar obrigou mesmo a crear sendas, pistas e camiños ex profeso para a súa instalación, sendo utilizados a diario polos militares.
Ata 1941, cando se procede ao seu desmonte. Os canóns trasládanse entón a Tarifa, no Estreito de Xibraltar. E aínda que hoxe en día están en desuso e nun avanzado estado de abandono, un paseo polas antigas Baterías de Campelo permitiranos revivir en Valdoviño un pasado cuxa pegada queda patente nos túneles, almacéns e búnkers subterráneos.
Galería de imaxes
Ermida do Porto
Faro de Punta Frouxeira
Batería de Punta Frouxeira
Baterías de Campelo
Valdoviño De Rutas
Para outros plans...
De Praia
As praias son, sen dúbida, a xoia da coroa do turismo de Valdoviño. 25 km de Atlántico. Unha costa chea de calas, cun puñado de areais de auténtico luxo para todos os gustos.
De Ruta
Hai mil e unha posibilidades. E cada cal mellor. Nada como calzarse unhas botas e deixarse levar pola beleza dunha ruta para entrar en contacto coa natureza… para sentir Valdoviño.
Birding
O birding está de moda. Se che gusta a natureza, Valdoviño ofréceche un dos mellores lugares de Galicia para a observación de aves: a lagoa e o areal da Frouxeira.
Turismo Activo
Praias de mar aberto, unha lagoa costeira, un encoro...Valdoviño é, sen lugar a dúbidas, un destino perfecto para as persoas que gozan dos deportes náuticos, aínda que as posibilidades que oferta para divertise son moitas máis.
Xeoturismo
As persoas afeccionadas á xeoloxía teñen no litoral de Valdoviño unha visita obrigada. O municipio presenta unha sucesión de puntos de interese para coñecer con era esta terra millóns de anos atrás.
De Festa
O calendario festivo de Valdoviño, máis alá de festexos parroquias, presenta toda una serie de eventos culturais, gastronómicos e deportivos que non te pode perder.
Grandes Miradores
Un plan que nunca falla. Colle a bici ou o coche e percorre todos eses lugares estratéxicos que permiten gozar das mellores panorámicas. Un itinerario para o que cómpre a cámara de fotos.