Camiño a San Andrés, tradición, fervor, relixión e misticismo.
Camiño a San
Andrés.
A San Andrés de Teixido irá de morto o que non foi de vivo. E, quizais esa promesa que Cristo lle fixo ao Apóstolo, influíse para que este máxico lugar se convertese nun dos maiores centros de peregrinación de toda España. Nel únense tradición, fervor, relixión e misticismo. E, aínda que apenas o separan doce quilómetros do centro de Cedeira e 29 de Valdoviño, o certo é que parece que un se atopa nun lugar onde o tempo parase. A resgardo dun pequeno val ao bordo do Océano Atlántico, mira de fronte aos segundos cantís máis altos de Europa. Lendas e tradicións envolven ao santuario, levantado na honra do apóstolo Andrés, que chegaría ao lugar na súa barca, hoxe convertida en pedra tras envorcar nas rochas como consecuencia da bruma habitual que rodea a paisaxe.
Propoñémosvos facer o Camiño a San Andrés e empaparvos da súa maxia. Un camiño que discorre por Valdoviño e cuxa influencia nótase no municipio. Con capelas, albergues e pasos creados e mesmo trasladados ex profeso para atender ás persoas que peregrinan. A pegada histórica do Camiño está presente en Valdoviño. Descúbrea.
Está pensado para facer a pé ou en bicicleta de forma autoguiada.
Capela da fame.
Unha das paradas imprescindibles no Camiño de San Andrés ao seu paso por Valdoviño é, sen dúbida, a Ermida da nosa Señora da Concepción ou de Liñeiro, aínda que popularmente é coñecida como Capela da fame. Dúas teorías temos sobre a súa denominación. Por unha banda, recibiu este apelativo por tratarse dun lugar de descanso e refuxio para os peregrinos e peregrinas, onde recobraban as súas forzas para continuar a ruta. E, por outro, hai quen apunta que lla debe ao retablo do templo, onde se representan a fame e a preguiza en dous medallóns coas efixies de membros da familia Tenreiro. De feito, a protección e contribucións realizadas pola Casa dos Tenreiro de Lago permitiron, en boa medida, que hoxe en día poidamos gozar en Valdoviño desta ermida.
Foi construída no século XVI ao pé do Camiño Real e, trescentos anos despois, o párroco do lugar liderou un movemento favorable ao seu traslado ao seu emprazamento actual, xa que os peregrinos e peregrinas modificaran a súa ruta, optando por un camiño máis curto que ignoraba o paso pola Capela da Fame.
Aínda que modesta nas formas, trátase dunha ermida fermosa, cun retablo en pedra policromada de estilo renacentista, digno de admiración. Ademais, atesoura algunha cruz de Malta, testemuña da protección que no seu día lle ofreceron os Cabaleiros da Orde de San Juan de Xerusalén.
Encoro das Forcadas.
De extraordinaria beleza paisaxística, o encoro das Forcadas é paso obrigado para o peregrino que realiza o Camiño a San Andrés. Emprazado entre as parroquias de Vilaboa e Loira, foi construído no ano 1966 e fornece de auga aos municipios da comarca de Ferrol. As persoas amantes da ornitoloxía e da natureza teñen nel un referente, xa que é un enclave excelente para a observación de aves. Pero ademais, ofrece toda unha serie de posibilidades en canto ao seu uso e goce. Pesca, vela lixeira, piragüismo, remo e mesmo canoa son algúns dos deportes que poden practicarse neste lugar, perfectamente comunicado por unha estrada que rodea a contorna ao longo dos doce quilómetros do leito fluvial.
Porto do Cabo.
Facendo Camiño, e pechando o tramo que discorre por Valdoviño, podemos chegar a outro dos enclaves máis fermosos do noso municipio: Porto do Cabo. Un pintoresco núcleo rural situado na parroquia de Vilarrube, paso obrigado dos romeiros e romeiras, xa que unía Valdoviño con Cedeira, o seu destino final. E ese paso facíase por unha ponte medieval, conservada en bo estado hoxe en día, que salvaba o río Mestas. Foi construída no século XVI, de pedra, consta dun arco de medio punto e outro idéntico pero de menor tamaño. A uns metros, atopámonos coa Casa da Bastona, unha construción en estado ruinoso actualmente, pero con moita historia no seu interior, ao ser o último albergue para peregrinos que facían o camiño. Completamos o conxunto cos muíños fluviais que balizan o leito do río Mestas e que nos serven como reclamo para gozar dun fermoso paseo.
Valdoviño De Rutas
Para outros plans...
De Praia
As praias son, sen dúbida, a xoia da coroa do turismo de Valdoviño. 25 km de Atlántico. Unha costa chea de calas, cun puñado de areais de auténtico luxo para todos os gustos.
De Ruta
Hai mil e unha posibilidades. E cada cal mellor. Nada como calzarse unhas botas e deixarse levar pola beleza dunha ruta para entrar en contacto coa natureza… para sentir Valdoviño.
Birding
O birding está de moda. Se che gusta a natureza, Valdoviño ofréceche un dos mellores lugares de Galicia para a observación de aves: a lagoa e o areal da Frouxeira.
Turismo Activo
Praias de mar aberto, unha lagoa costeira, un encoro...Valdoviño é, sen lugar a dúbidas, un destino perfecto para as persoas que gozan dos deportes náuticos, aínda que as posibilidades que oferta para divertise son moitas máis.
Xeoturismo
As persoas afeccionadas á xeoloxía teñen no litoral de Valdoviño unha visita obrigada. O municipio presenta unha sucesión de puntos de interese para coñecer con era esta terra millóns de anos atrás.
De Festa
O calendario festivo de Valdoviño, máis alá de festexos parroquias, presenta toda una serie de eventos culturais, gastronómicos e deportivos que non te pode perder.
Grandes Miradores
Un plan que nunca falla. Colle a bici ou o coche e percorre todos eses lugares estratéxicos que permiten gozar das mellores panorámicas. Un itinerario para o que cómpre a cámara de fotos.