PSOE, PP e Centristas únense para demandar o fin dos recortes na atención médica no centro de saúde de Valdoviño

Por unanimidade, a corporación aproba en pleno esixir ao Sergas a restitución do servizo de pediatría os cinco días de atención e a cobertura do cupo por ausencia do titular asignado

Valdoviño, 3 de abril do 2023. O Concello de Valdoviño esixe á Xunta que adopte as medidas oportunas para garantir a atención médica aos nenos e nenas do municipio no centro de saúde. A corporación en pleno, e por unanimidade, acordaba trasladar á Consellería de Sanidade esta reivindicación coa que poñer fin aos recortes no servizo que se veñen producindo nas últimas semanas a raíz da decisión da Xunta de que a titular da praza se desprace tres dos cinco días de atención ao centro de Cedeira para suplir a falta de persoal en lugar de cubrir a praza na localidade veciña. PSOE, PP e Centristas apoiaban a moción, que recolle á súa vez a demanda trasladada polas familias do municipio. 

Ademais, o problema vese agravado polas propias carencias de persoal do centro de saúde de Valdoviño, tamén con prazas de médico de familia sen cubrir. Facultativos que deben atender aos menores en caso de urxencia, motivando a saturación do servizo. 

Ante esta situación, o Concello de Valdoviño demanda a restitución do servizo de pediatría os cinco días de atención, a cobertura da praza de médico de familia de baixa e, como vén solicitando nos últimos tempos ante o aumento da poboación, a ampliación de horarios de atención ás tardes, festivos e fins de semana. 

Por último, o Concello reitera á veciñanza a necesidade de dar de alta a súa tarxeta sanitaria en Valdoviño, xa que o Sergas ten moi presente o cómputo total á hora de aprobar a ampliación de persoal nos centros de saúde, entre outras cuestións.