Proxección do traballo documental “Chicas Nuevas 24 horas” este venres en Valdoviño
O pase da longametraxe sobre o negocio da explotación sexual de nenas e mulleres terá lugar no auditorio municipal, a partir das 20:30 horas, no marco da programación “Somos e Contamos”
Valdoviño, 21 de marzo de 2024. Tralo seu paso polas principais universidades e institutos de Europa e Sudamérica, a longametraxe documental «Chicas Nuevas 24 horas» chega a Valdoviño. Escrito e dirixido por Mabel Lozano, o traballo, nominado aos Premios Goya, denuncia o negocio que xera a explotación sexual de mulleres e nenas a través das súas testemuñas, invitando á reflexión. Proxectarase este venres no auditorio da casa da cultura, a partir das 20:30 horas, dirixido a un público maior de 14 anos, con entrada libre ata completar aforo.
O pase inclúese na programación «Somos e Contamos» deseñada polas Concellerías de Cultura e de Servizos Sociais para conmemorar o Día da Muller, e conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade. Vén precedido da inauguración da exposición que, co mesmo nome, poderemos visitar ata o 27 de marzo na casa da cultura -de luns a venres de 11 a 13 e de 17 a 19 h; a próxima semana, de luns a mércores de 10 a 13 h-.
Ademais, o Concello organizaba esta semana diversos obradoiros ó redor da mostra para o alumnado da ESO do CPI Atios enfocados á prevención e concienciación sobre o negocio da prostitución.