Proxección da curta de animación “The Monkey” este venres na casa da cultura
Coincidindo co pase inaugurarase unha exposición cunha selección dos fotogramas do filme, nominado aos Premios Goya 2022
Valdoviño, 24 de xaneiro de 2022. O Concello de Valdoviño pechará a axenda cultural do mes con cine. Así, este venres ás 20,30 h, a Casa da Cultura acollerá a proxección do filme de animación «The Monkey», nominada aos Premios Goya 2022 na categoría de Mellor Curta de Animación. Dirixida por Xosé Zapata e Lorenzo Degl`Innocenti, aborda a historia dun peculiar náufrago da Armada Invencible tras ser capturado. Está dirixida a un público maior de 12 anos, e a entrada é libre ata completar aforo.
Coincidindo co pase, o Concello inaugurará unha mostra na sala de exposicións temporais cunha selección dos fotogramas do filme. A partir de entón, o horario de visita será de luns a sábados de 12 a 14 e de 17 a 19 h, e os domingos tamén pola mañá de 12 a 14 h.