Protección Civil suma medios

Recepciona un kit de material loxístico de seguridade financiado pola Xunta a través dos fondos europeos FEDER

Valdoviño, 18 de marzo do 2026. A Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil suma novos recursos. No día de onte, os concelleiros de Seguridade, Benito Vega, e Infraestruturas Viarias, Germán Gómez, e o xefe da agrupación local, Francisco Dopico, trasladábanse á Estrada para recepcionar o material de emerxencias entregado pola Xunta de Galicia no marco da convocatoria para concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios. Convocatoria financiada con fondos europeos FEDER. Así, Valdoviño recibiu unha tenda de campaña para a atención de emerxencias e un kit de material loxístico de seguridade -lanternas, luces estroboscópicas, sinais e conos de balizamento-.

O obxectivo da Administración autonómica coa entrega deste material, dirixido a 77 agrupacións e cun investimento conxunto de preto de 350.000 euros, pasa por reforzar a súa capacidade de resposta e garantir unha actuación eficaz e segura ante situacións de risco.