Preto dun centenar de veciños e veciñas tomarán parte este sábado na XXIV Andada a Santo André de Teixido dende Valdoviño
A camiñada cumpre a súa XXIV edición, e partirá do lugar da Rocha para completar os algo máis de 25 km ata o santuario
Valdoviño, 26 de setembro do 2025. Preto dun centenar de veciños e veciñas tomarán parte este sábado na XXIV Andada a Santo André de Teixido organizada polo Concello. Valdoviño cumpre coa tradición, e como cada mes de setembro dende hai xa preto dun cuarto de século, convida á cidadanía a descubrir o camiño vello ao santuario dende o municipio. As persoas participantes concentraranse na Porta do Sol ás 8:00 horas, onde os esperarán os autocares para trasladalos ata o punto de saída, no lugar da Rocha, limítrofe con Narón.
A partir de aquí, iniciarán a pé os algo máis de 25 quilómetros que os separan do seu destino. Haberá paradas destacadas na igrexa vella de Loira e máis na Capela da Fame, onde poderán visitar o interior do templo e contemplar o seu magnífico retablo. Tamén en Vilarrube, no núcleo de Porto do Cabo, e xunto á ponte medieval, está previsto un descanso para tomar un tentempé e coller forzas para o último tramo do camiño, xa en Cedeira.
E chegados ao santuario, ademais de cumprir coas moitas tradicións, poderán desfrutar dun xantar picnic antes do regreso, previsto para as 18:30 horas.
Colaboran na iniciativa, que organiza a Concellería de Cultura, os integrantes da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil.
