Preto de medio centenar de parellas disputarán este sábado o I Open de Dominó de Valdoviño
Xogadores afeccionados e federados de todo o Norte de Galicia participarn no torneo que organiza o club Dominó CVM co apoio de Federación e Concello, puntuable para os campionatos galego e estatal
Valdoviño, 17 de outubro do 2024. Preto de medio centenar de parellas daranse cita este sábado no restaurante Brisas para disputar o primeiro Open de Dominó de Valdoviño. Tomarán parte xogadores afeccionados e tamén federados procedentes de todo o Norte de Galicia, con presenza destacada de vilas como As Pontes, Ferrol, Ortigueira, Chantada, Ribadeo ou Sada e, tamén, haberá moita participación local. A cita está organizada pola Asociación Recreativa Dominó CVM (Cerdido-Valdoviño-Moeche), co apoio da federación galega e do Concello de Valdoviño, e é puntuable para os campionatos autonómico e estatal. De feito, acudirán á localidade varios campións nacionais en pasadas edicións, o que constata o altísimo nivel da competición.
O público en xeral poderá seguir as partidas no restaurante Brisas durante toda a xornada, a partir das 10:15 horas, e cun parón para o xantar de 14:30 a 16:00 h. Así mesmo, a entrega de trofeos está prevista para as 20:00 h, unha vez remate o open.
Na competición repartiranse cerca de 600 euros en premios, con trofeo para os catro primeiros equipos clasificados, e outros tres para as mellores parellas.