Preto de 250 persoas de todas as idades tomarán parte este domingo na V Carreira Popular Volta ás Forcadas
A participación elévase respecto á última edición, celebrada en 2019
Valdoviño, 10 de xuño de 2022. Un total de 244 persoas de todas as idades tomarán parte este domingo 12 de xuño na V Carreira Popular Volta ás Forcadas. E, entre elas, destacan as categorías de base, con 131 corredores e corredoras a partir de pitufos. En termos xerais, a cita aumenta en participación respecto a edicións precedentes. A última, celebrada en 2019, previa á pandemia, rexistraba 192 persoas inscritas. Unha positiva evolución que constata que a carreira se vai consolidando pouco a pouco no calendario deportivo da comarca.
Nesta liña, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explica que o obxectivo da mesma é fomentar hábitos de vida saudables entre veciños e veciñas, combatindo o sedentarismo a través da práctica deportiva en familia e, sobre todo, nunha contorna natural espectacular. Así, o importante non son os resultados, senón participar e pasar unha boa mañá.
Policía Local e Protección Civil velarán polo seguridade da carreira, na que tamén colabora a Cooperativa de Vilaboa.
Así mesmo, a igrexa de San Pedro de Loira será o punto de partida da carreira, que arrancará de forma escalonada a partir das 11 h. As distancias variarán segundo a categoría, dende os 100 metros dos pitufos ata os preto de 8 kms dos veteráns.