Presentación do documental “Vouvos contar unha cousa” este xoves en Valdoviño
O pase, incluído no proxecto da escola EspadELA, dará comezo ás 17 horas na Casa da Cultura, con entrada libre ata completar aforo
Valdoviño, 14 de decembro de 2021. A Casa da Cultura de Valdoviño acollerá este xoves 16 de decembro a proxección do documental «Vouvos a contar unha cousa», protagonizado por Nieves López Paz e Magdalena López Bellón «Lena», mariscadora veciña do noso concello. O pase, con entrada libre ata completar aforo, terá lugar a partir das 17 horas. Dirixido por Lucía Catoira, a curtametraxe inclúese no proxecto da escola EspadELA, unha escola de apoderamento feminista para mulleres que habitan o rural, impulsada pola Deputación da Coruña.
Na edición de 2020, a escola non parou a súa actividade a pesar da pandemia, e mesmo evidenciouse a necesidade de contar con espazos propios e recuperar o encontro coas compañeiras. Con este traballo búscase poñer en valor a vida cotiá das mulleres que sacan adiante o día a día, nos seus fogares, nos seus traballos, nas súas aldeas. Contando, ademais, como están convivindo coa COVID-19. A través dos ollos de Neves e Lena, e das súas verbas, procuran a esperanza de camiñar xuntas cara un escenario onde celebrar a saúde e a vida, desde unha perspectiva feminista.