Porto do Cabo acolle a celebración da II edición do Foro dos Vivos como espazo no que impulsar o Camiño a Santo André de Teixido

Con participación aberta, a cita terá lugar o domingo 1 de decembro na capela Virxe do Camiño, con ponencias e degustación do caldo coa receita das antigas caldupeiras e produtos típicos da zona

Valdoviño, 28 de novembro do 2024. A Asociación Veciñal de Porto do Cabo e o proxecto Eu Fun de Vivo únense de novo para organizar a segunda edición do Foro dos Vivos. A iniciativa conta coa colaboración dos concellos de Cedeira, Narón e Valdoviño, e do Xeoparque Cabo Ortegal, e celebrarase o domingo 1 de decembro na Capela Virxe do Camiño, a partir das 11:30 horas. A cita está aberta á participación da veciñanza, e reeditarase coa vocación de converterse nun espazo de diálogo construtivo no que potenciar o desenvolvemento e a coordinación entre axentes públicos e privados implicados no territorio.

O programa inclúe unha serie de ponencias de moi diversa temática, baixo os seguintes títulos:

-«Importancia do camiño no desenvolvemento rural», a cargo do investigador Alfonso Filgueira, durante toda a súa vida profesional técnico do Servizo Sociocomunitario de Narón, que foi un dos primeiros concellos en contar con este servizo, dende o que impulsou numerosas actuacións vencelladas á recuperación da cultura e do patrimonio, entre elas a do Camiño de Santo André de Teixido de xeito tradicional.

-«Un camiño para todas as persoas», coa presidenta da Asociación ASCM, Paula Gárate, que falará sobre accesibilidade e compartirá a iniciativa «Camiño para todas as persoas», unha peregrinación inclusiva na que participaron recentemente persoas con mobilidade reducida e diversidade funcional procedentes de toda España, convidadas pola Mancomunidade e a Deputación.

-«O papel da comunidade local», con Antonia Martínez, membro das Caldupeiras de Porto de Cabo, que abordará as actuacións que se están levando a cabo dende a Asociación de Veciños de Porto de Cabo.

-«Experiencias no Camiño de Santo André», que reunirá a diferentes persoas vencelladas á ruta como Martina Beceiro, de Mai estudo de cerámica en Porto do Cabo, José Manuel Breijo, da empresa de turismo activo Portal Norte, Loli Rubido, da firma Roteiros, e Serxio Muíño, do proxecto Eu Fun de Vivo.

-«Conexión no territorio», con participación dos concellos polos que discorre o itinerario

Ademais, o público asistente poderá degustar ao remate unha cunca de caldo, coa receita das antigas caldupeiras da zona, así como outros produtos típicos do territorio.