Pop, soul e grandes doses de rock&roll no II Lagofest, este sábado en Lago
A ACR de Veciños de Lago organiza o festival, con concertos gratuítos
Valdoviño, 19 de xullo do 2023. Tralo rotundo éxito de público colleitado na súa primeira edición, a ACR de Veciños de Lago reedita neste 2023 o seu festival de música Lagofest, e faino cun cartel de auténtico luxo. Celebrarase este sábado 22 de xullo, antesala das festas patronais, na pista de Lago, a partir das 20:30 horas e coa previsión de que a música soe forte ata ben entrada a madrugada. Todos os concertos son gratuítos.
Baluarte será o encargado de inaugurar o cartel cun repertorio no que combinarán temas propios de diferentes estilos como rock, pop ou folk con versións de clásicos do rock galego e nacional. O festival continuará con Os Juanpiños e as súas versións de artistas nacionais e internacionais como Serrat, Lola Flores e Juan Luis Guerra.
Tomará o relevo sobre o escenario Broken Peach. Chega a Valdoviño da man do Concello de Valdoviño e no marco da Rede Cultural da Deputación. Considerada unha das bandas galegas de rock&soul de referencia no panorama musical actual, ofrecerá un auténtico espectáculo no que cada tema conta co seu particular selo. Unha proposta avalada amplamente polo público, e un respaldo do que dan boa mostra os máis de 26 millóns de reproduccións dos seus vídeos en Youtube.
Tras eles, Malditos Pendejos. A banda, con 2 discos no mercado -o segundo gravado en Murcia con Santiago Campillo, guitarrista de Mclan como productor-, versionará temas das bandas máis míticas do pop e rock español dos 80 e 90. E pechando o festival, o mellor rock cun grupo da casa, Fanecas Band. Unha aposta segura coas súas persoais versións dos grandes clásicos do rock como Springsteen, The Beatles, Pink Floyd, Rolling Stones ou AC/DC.
Comentarios