Persoal de SEAGA inicia a inspección das faixas secundarias de xestión da biomasa nun total de 6.650 parcelas do municipio
Os traballos enmárcanse no convenio de colaboración subscrito entre Xunta, Fegamp e SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais ao que está adherido o Concello de Valdoviño
Valdoviño, 4 de setembro do 2024. Persoal de SEAGA desprazábase hoxe a Valdoviño para iniciar a inspección do estado da xestión da biomasa nas faixas secundarias das parroquias definidas no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais do Concello, aprobado a finais de 2022. En total, revisarán 6.650 parcelas nas oito parroquias para velar polo cumprimento da normativa autonómica, que establece a obriga dos propietarios de manter limpas, rozadas e libres de restos de vexetación as súas fincas nunha faixa de 50 metros perimetral ao solo urbano, dos núcleos rurais e de vivendas illadas, ademais de manter unha distancia axeitada a pistas e outros equipamentos. Esta esixencia, incluída a retirada de determinadas especies arbóreas, debe cumprirse antes de que remate o mes de maio de cada ano.
Os traballos levaranse a cabo en virtude do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, ao que o Concello de Valdoviño está adherido.
O plan municipal identifica todas e cada unha das parcelas afectadas polas faixas secundarias de xestión de biomasa. Nese listado pódense consultar as referencias catastrais, a superficie total e a superficie de afección de cada unha das parcelas. As redes secundarias teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais. Así mesmo, é obrigatorio para as persoas que resulten responsables xestionar a biomasa vexetal.