Paula Carballeira trae a Sequeiro o seu contacontos Camiños do Mar, Terra e Vento

A  función, dirixida a un público familiar, terá lugar este martes ás 18 h

Valdoviño, 27 de decembro de 2021. A programación cultural do Concello de Valdoviño continuará mañá martes no local social de Sequeiro. Alí, a narradora Paula Carballeira ofrecerá o seu contacontos para nenos e nenas «Camiños do Mar, Terra e Vento». Dará comezo ás 18 horas, con entrada libre ata completar aforo. 

Un espectáculo dirixido a un público familiar no que Paula Carballeira nos falará de personaxes e aventuras máxicas. Polos camiños da terra van quen queren chegar lonxe, de vagar, atopando atrancos, e persoas descoñecidas, e aventuras fantásticas. Polos camiños do aire van quen adiviñaron como voar, coa axuda de paxaros ou alfombras, de vasoiras ou de rachas de vento. Polos camiños do mar van quen esperan atopar illas misteriosas, música feita por ondas e sereas.