Pantín dá a benvida ó proxecto de promoción do consumo de peixe galego “Pesca Saúde” que impulsa o GALP A Mariña-Ortegal
Coincidindo co campionato de surf, unha das foodtrucks da iniciativa ofrecerá esta fin de semana degustacións e información nutricional sobre os beneficios dos produtos do mar de Galicia
Valdoviño, 27 de agosto do 2026. O GALP A Mariña-Ortegal, do que forma parte o Concello de Valdoviño, traerá esta fin de semana á localidade as actividades do proxecto “Pesca Saúde”. En concreto, e coincidindo coa celebración do Abanca Pantín Classic Galicia Pro, estará presente na praia de Pantín cunha foodtruck e un espazo promocional e divulgativo onde gastronomía, nutrición e actividade física se darán a man. O obxectivo é promover o consumo de produto pesqueiro galego como hábito de vida saudable, achegando á cidadanía información sobre os beneficios do peixe, o mariscos e outros produtos do mar para a saúde e o benestar.
Así, ao longo das xornadas do sábado e do domingo, ofreceranse degustacións elaboradas con produtos do mar galego e de proximidade, acompañadas de información nutricional e material divulgativo.
A proposta gastronómica articúlase arredor do concepto “Antes da Onda / Despois da Onda”, establecendo unha clara diferenciación entre as necesidades nutricionais antes e despois da práctica de exercicio físico. Así, “Antes da Onda” está pensada para os momentos previos ao esforzo físico, cunha proposta fresca, equilibrada e de fácil dixestión: crocante de pan de millo con bonito curado e tomate soasado, na que o bonito achega proteína magra e graxas omega-3.
Pola súa banda, “Despois da Onda” está orientada á recuperación muscular tras o exercicio intenso, cun brioche de mexillón galego en escabeche emulsionado e codium, rico en proteína, ferro e minerais esenciais.
A programación será a seguinte:
Sábado 29 de agosto
- 11:30 h:apertura da foodtruck e benvida oficial.
- 11:45–12:45 h:degustación “Antes das Ondas”.
- 13:45–14:45 h:degustación “Despois das Ondas”.
- Punto informativo:de 11:30 a 14:45 h e de 17:00 a 19:00 h.
Domingo 30 de agosto
- 11:00–12:00 h:degustación “Antes das Ondas”.
- 13:00–14:00 h:degustación “Despois das Ondas”.
- Punto informativo:de 11:00 a 14:00 h e de 16:00 a 17:00 h.
A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar e conta coa participación de sete GALP do litoral galego, entre eles o GALP A Mariña-Ortegal, así como coa colaboración da Consellería de Sanidade.
