Pantín convértese en sede dos campionatos europeos de kaiak surf e waveski

A competición arranca este xoves, ata o domingo, organizada polo Club Náutico Folixa co apoio do Concello, a Federación Galega de Piragüismo, a as asociacións mundiais de waveski e kaiak surf

Valdoviño, 6 de setembro do 2023. A praia de Pantín prepárase para albergar os campionatos europeos de kaiak surf e waveski. A competición arrancará este xoves, e prolongarase ata o domingo, organizada polo Club Náutico Folixa co apoio do Concello de Valdoviño, a Federación Galega de Piragüismo, a WWSA -Asociación mundial de waveski- e a WSKA -asociación mundial de kaiak surf-. Pantín concentrará así, por primeira vez, as dúas probas europeas, celebradas na última edición en España e Francia. Así mesmo, acollerá tamén de forma pioneira a primeira Copa do Mundo de Waveski feminino, con participación exclusivamente de mulleres. Ao deporte, a organización sumará unha sesión de cine aberta ao público. O venres ás 19:30 h na Casa da Cultura, proxectarase en versión orixinal e con subtítulos en castelán o filme australiano «Haciendo olas», sobre o papel das mulleres no waveski. Unha cita na que tamén se presentará o campionato mundial de surf waveski a celebrar en Sudáfrica en 2024. 

A organización móstrase optimista respecto ao desenvolvemento da competición estes días en Pantín, coa previsión de ondas dun metro de altura, as ideais para celebrar o evento con seguridade, e avanza a presenza dalgúns dos mellores deportistas, como as francesas Lou Peter e Oceane Lucas ou o sudafricano Bruce Viane e o francés Virgile Humbert (waveski); e as españolas Ainoa Tolosa e Olatz Garmendia e o francés Pablo Arrouays e o español Odei Etxeberria (kayak surf). Noventa deportistas chegados de EEUU, Australia, Reino Unido, Irlanda, Francia, Portugal e España buscarán o trunfo nos europeos. 

Por último, nas augas de Pantín tamén se disputará estes días, en paralelo, o campionato galego de kaiak surf e waveski. As probas celebraranse de xoves a domingo a partir das 8:00 horas, ata as 17:00 h, calendario que dependerá en gran medida das condicións do mar.