Paco Nogueiras e Marc Taeger traerán este domingo a Valdoviño o seu xornal musical “Dobre Extra!”

A función celebrarase no auditorio da Casa da Cultura ás 18 horas

Valdoviño, 1 de decembro de 2021. O Concello de Valdoviño inaugura este domingo a programación cultural do mes de decembro co espectáculo Dobre Extra! con Paco Nogueiras e Marc Taeger. Será no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 18 horas, e con entrada libre ata completar aforo. A función inclúese na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña. 

Dirixido a un público familiar, Dobre Extra! é un espectáculo baseado no libro-cd “Extra!” editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións e interpretacións cos rexistros máis divertidos. 

Un “xornal musical” no que a imaxe e o son van da man. Os temas dispóñense en distintas seccións onde cada composición e cada debuxo abordan noticias nacionais e internacionais, sucesos, información social, cultural e divulgativa, deportes, opinión, pasatempos e ata unha axenda de actividades. 

Dobre Extra! convidará ao público a conectar co mundo e transformar a realidade en canción.