Os vascos Bitor Garitaonandia e Ariane Ochoa, novos campións de España de Surf Open 2022

Na categoría máster a vitoria foi para o cántabro Daniel García

Valdoviño, 4 de setembro do 2022. Xa hai gañadores. O Campionato de España de Surfing, que botaba a andar o pasado 21 de agosto na praia da Frouxeira, toca o seu fin coa proclamación dos vencedores da súa categoría estrela, a Open. Tras impoñerse nas súas respectivas finais, os surfistas vascos Bitor Garitaonandía e Ariane Ochoa ostentarán o título de campións de España 2022.

Na final masculina, que pechou a competición en Valdoviño, o guipuscoano Bitor Garitaonandia (19 anos) impúxose aos seus directos rivais, con 17,10 puntos fronte aos 14,27 que sumou o cántabro Luis Díaz. Foi unha final con chuvia e vento na que houbo constantes cambios na clasificación e houbo que esperar ata o último minuto para coñecer o desenlace.

Mentres, na categoría feminina, a fina resolveuse a favor de Ariane Ochoa, que deixaba a segunda posición para outra deportista do País Vasco, Janire González Etxabarri. Ochoa refrendaba así o seu excelente estado de forma tras ser segunda no QS3.000 de Anglet, en Francia, e coa vista posta no Campionato do Mundo como integrante do equipo de España.

Tamén houbo que esperar ata este domingo para coñecer ao vencedor da categoría máster (maiores de 35 anos) que non deixa de gañar interese edición tras edición. Nesta ocasión, subiuse o máis alto do podio o cántabro Daniel García.

Coa entrega dos principais trofeos, na que participou o alcalde de Valdoviño, Alberto González, conclúe unha fin de semana na que a praia da Frouxeira volveu ser epicentro do surf en España. Dous días finais nos que, ademais da competición, os deportistas e o público en xeral puideron desfrutar dun amplo abano de propostas complementarias. Iniciativas entre as que destacou o Iberdrola Surfing Day Feminino, evento con actividades deportivas, culturais e de lecer, orientado a promocionar o surf feminino.