Os Servizos Sociais municipais axudan ás persoas maiores a tramitar a súa solicitude no programa “Xuntos polo Nadal”

A iniciativa, que promove a Xunta, ten por obxectivo evitar que as persoas maiores pasen en soídade estas datas festivas tan sinaladas no calendario

Valdoviño, 13 de novembro do 2025. O Concello de Valdoviño, a través do departamento municipal de Servizos Sociais, axuda aos maiores a tramitar a solicitude para participar na nova edición do programa “Xuntos polo Nadal” que promove a Xunta de Galicia. Neste caso, e ao requerir da presentación dun informe social, é preciso solicitar cita previa no 981 48 70 41 extensión 5, de modo que a traballadora social municipal poida avanzar documentación. O programa está dirixido a persoas de 60 anos en adiante que vivan soas no seu domicilio, e que teñan que pasar soas as datas do Nadal. Tamén deben valerse por si mesmas, e recoméndase estar vacinado fronte á covid-19 e a gripe, segundo o calendario sanitario vixente.

As persoas beneficiarias poderán pasar esas datas na residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán, en tres quendas diferentes -do 23 de decembro ao 7 de xaneiro; do 23 ao 30 de decembro, e do 31 de decembro ao 7 de xaneiro-. Poderán así socializar con outras persoas e participar nunha morea de actividades de lecer. Ofrécese aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa, así como desprazamento dende Ferrol.

O prazo para solicitar o programa ábrese hoxe, ata o 26 de novembro, e para a selección terán prioridade as persoas que perderan ao seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos dous últimos anos; as de maior idade, e aquelas que non participasen previamente no programa.