Os servizos de socorrismo de Valdoviño e Ferrol apoiaranse cos seus medios náuticos ante emerxencias nas praias

As embarcacións poderán actuar no concello veciño no caso de que sexan as unidades máis próximas a unha situación de urxencia

Valdoviño, 26 de xullo de 2022. Ferrol e Valdoviño coordinarán os seus medios náuticos de socorrismo para actuar ante situacións de emerxencia nas súas praias. Ambos alcaldes, Ángel Mato e Alberto González, asinaron esta mañá no pazo municipal ferrolán un convenio de colaboración para a mobilización conxunta dos servizos de rescate por mar como resposta de auxilio ante unha urxencia en calquera das praias máis próximas aos límites municipais. “Trátase de aproveitar os recursos ao máximo”, asegurou Mato, co que González coincidiu en que con esta medida “búscase unha maior efectividade”.

O acordo inclúe a elaboración dun protocolo de comunicacións compartidas para as peticións de auxilio e a resposta cos medios que se atopen máis próximos (sen importar de que concello dependan), mantendo en todo momento a protección dos espazos propios. Cínguese exclusivamente ás embarcacións e aos seus medios materiais, así como aos seus patróns. Nestes momentos, Ferrol dispón de dúas zódiacs e Valdoviño conta con tres pequenas embarcacións e unha moto de auga.

Ambos rexedores insistiron en que os concellos están enfrontando graves problemas para prestar o servizo de socorrismo ao non dispoñer de persoal suficiente coa cualificación que esixe a Xunta de Galicia, cousa que non ocorre en outras comunidades autónomas. Por ese motivo, aseguraron, é tan importante unha iniciativa como a que Ferrol e Valdoviño están a poñer en marcha, compartindo o servizo cando sexa necesario.

“A Xunta escúdase en que quere incrementar a seguridade nas praias, e o que está conseguindo é todo o contrario. Para os concellos, manter esa seguridade está sendo dificilísimo a causa dunha política totalmente errada por parte da Administración autonómica”, asegurou o alcalde de Ferrol. “Moitos dos socorristas que outros anos traballaban aquí están agora en outra comunidades autónomas porque non lles ponen trabas, e en Galicia ponllas a Xunta”, dixo Alberto González sobre unha situación que parte da obrigatoriedade de realizar un curso que custa 1.300 euros e ten 420 horas de formación para exercer como socorrista “durante tres meses no mellor dos casos”, e iso pese a que moitas das persoas que desenvolvían ata agora labores de salvamento acumulaban moitas máis horas de experiencia real en praias que as que esixe o curso.