Os segredos agochados baixo as ondas de Valdoviño, ao descuberto nunha exposición na contorna do Pantín Classic

O Concello promove esta iniciativa no marco do proxecto Ondas de sabor

Valdoviño, 26 de agosto do 2024. Coincidindo coa celebración do Pantín Classic, o Concello vén de estrear nas inmediación da caseta de socorrismo do areal unha exposición para a posta en valor dos recursos e produtos locais do mar. A iniciativa, que forma parte do proxecto Ondas de Sabor e poderá visitarse en tanto dura o veterano certame de surf.

A mostra conta con oito paneis informativos sobre catro grandes temáticas: os elementos que dan identidade ao litoral, a formación das ondas, as características principais dos percebes desta zona e os bivalvos que podemos atopar.

Desta forma, daranse a coñecer os elementos máis destacables do litoral – como o faro da Frouxeira, que celebra o seu 30 aniversario este ano –, os factores que inflúen na formación das ondas para que as praias de Valdoviño sexan auténticas fábricas de olas ou as características principais do marisco que se extrae na zona e as particularidades que marcan a súa calidade.

A exposición é tan só unha das propostas que prepara o Concello para dar visibilidade e recoñecemento aos produtos locais do litoral, ao medio mariño e os seus recursos.

«Ondas de sabor: Promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño que obtivo a axuda económica do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.