Os Reis Magos chegarán á casa consistorial este xoves 5 de xaneiro ás 18 h para iniciar o seu percorrido ata a casa da cultura

No auditorio, celebrarase a tradicional recepción real

Valdoviño, 2 de xaneiro do 2023. As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente farán unha parada este xoves, 5 de xaneiro, en Valdoviño. Convidados polo Concello, chegarán á casa consistorial sobre as seis da tarde, e alí agardarán aos nenos e nenas que solicitaron viaxar nalgunha das carrozas da comitiva real. 

Todos eles iniciarán un percorrido que os levará á Casa da Cultura e no que repartirán centos de caramelos. Estarán acompañados tamén polos integrantes do Circo Krasnovarak, de Troula Animación. 

No auditorio municipal, os Reis atenderán as peticións dos máis pequenos da casa e entregaranlles un pequeno obsequio. 

O Concello quere agradecer a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño, que velará pola seguridade do percorrido.