Os Reis Magos chegarán á casa consistorial este mércores 5 de xaneiro ás 18 h para iniciar o seu percorrido ata a casa da cultura
A recepción varía o seu programa habitual: non se poderá permanecer no interior do auditorio da casa da cultura e nenos e nenas entrarán un a un para saudar ás súas maxestades de Oriente
Valdoviño, 3 de xaneiro de 2022. Os Reis Magos de Oriente visitarán Valdoviño este mércores 5 de xaneiro, aínda que a súa axenda se verá modificada polas recomendacións dictadas pola Xunta de Galicia na situación de pandemia que estamos a vivir. Así, as súas maxestades chegarán á casa consistorial ás 18 horas para iniciar un breve percorrido ata a casa da cultura, onde saudarán aos máis pequenos e pequenas da casa.
As familias non poderán acceder e permanecer no interior do auditorio do centro cultural, onde estarán os tronos reais, e os nenos e nenas entrarán un a un, con mascarilla e gardando a distancia social.
Tampouco se repartirán caramelos na cabalgata, ambientada este ano no universo. Iso si, como todos os anos, os Reis Magos faránlle entrega aos nenos e nenas dun pequeno obsequio tras coñecer a súa lista de desexos.
Ademais, os Reis Magos de Oriente enviarán as súas mensaxes a aqueles nenos e nenas que estes días estean confinados/as nas súas casas previa solicitude das familias. Para isto, deben chamar hoxe, luns 3 de xaneiro, e mañá martes, día 4, ao teléfono 981 48 76 66 en horario de 10 a 14 h.