Os Reis Magos chegarán á casa consistorial de Valdoviño o domingo ás seis da tarde para iniciar o seu percorrido ata a casa da cultura
No auditorio municipal, o Concello instalará os tronos para que as súas maxestades atendan as peticións dos nenos e nenas de Valdoviño
Valdoviño, 30 de decembro do 2024. As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente farán unha parada este domingo, 5 de xaneiro, en Valdoviño. Invitados polo Concello, chegarán á casa consistorial sobre as seis da tarde. Alí os esperarán os seus paxes, e unha morea de axudantes, nenos e nenas que este venres participarán no obradoiro de disfraces organizado polo Concello para dar colorido á cabalgata.
Ao son da batukada e das gaitas do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa, iniciarán un percorrido que os levará á Casa da Cultura, e no que repartirán centos de caramelos. No auditorio, atenderán as peticións dos máis pequenos e pequenas da casa, e entregaranlles un pequeno obsequio.
O Concello quere agradecer a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño, que velará pola seguridade do percorrido.