Os Reis Magos anuncian a súa chegada á casa consistorial este venres ás 18 h para iniciar o seu percorrido ata a casa da cultura

Ao seu remate, celebrarase a recepción real no auditorio municipal

Valdoviño, 2 de xaneiro de 2024. As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente farán unha parada este venres, 5 de xaneiro, en Valdoviño. Invitados polo Concello, chegarán á casa consistorial sobre as seis da tarde. Alí os esperarán os seus paxes, e unha morea de axudantes, nenos e nenas que mañá mesmo participarán no obradoiro de disfraces organizado polo Concello para dar colorido á cabalgata. 

Acompañados dos tambores do grupo de batukada de Valdoviño Cultura Extrema e das gaitas do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa, todos eles iniciarán un percorrido que os levará á Casa da Cultura e no que repartirán centos de caramelos. No auditorio, atenderán as peticións dos máis pequenos da casa e entregaranlles un pequeno obsequio. 

O Concello quere agradecer a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño, que velará pola seguridade do percorrido.