Os peregrinos e peregrinas do CPI Atios conclúen etapa na Capela da Fame no seu Camiño a San Andrés

Acompañados dos seus profes, os 80 alumnos e alumnas de 5º e 6º  curso de Primaria completaron a terceira etapa da ruta

Valdoviño, 6 de abril de 2022. Cumplindo o calendario previsto, os alumnos e alumnas de 5º e 6º curso de Primaria do CPI Atios completaron onte unha nova etapa do Camiño Vello a San Andrés. A peregrinación arrancaba no monte Esperón e concluía na Ermita da Nosa Señora da Concepción ou de Liñeiro, en Vilarrube, unha das xoias arquitectónicas da ruta ao seu paso por Valdoviño.

Un lugar rodeado de tradición rebautizado polos propios peregrinos e peregrinas como Capela da Fame, xa que era punto obrigado de parada para tomar algún alimento co que recobrar forzas para retomar o camiño. Neste punto, algúns  dos alumnos e alumnas convertíanse en profes por un día e, cos coñecementos adquiridos nas aulas, expoñían ante os seus compañeiros/as as características da singular capela, erguida no século XVI.

Nesta nova etapa, que guiaron os profes Antonio Rodríguez, Iago Cadarso, Carmen Hermida, Rosa Pazos, Eva Gómez, Blanca Riveira e Dolores Freire, tomaron parte 80 nenos e nenas. O proxecto forma parte da programación didáctica de 5º, e a través do Camiño Vello o alumnado aprende mates, lingua, tecnoloxía… e combate o sendentarismo a través da práctica deportiva.