Os peques do Atios inauguran a expo Convertémonos en Picasso na Casa da Cultura
O acto terá lugar este venres ás 18:30 horas con entrada libre
Valdoviño, 13 de abril do 2023. Os máis pequenos e pequenas do CPI Atios, o alumnado do ciclo de Infantil, inaugurará este venres ás 18:30 horas a exposición «Convertémonos en Picasso». Un acto aberto á veciñanza que terá lugar na sala de mostras temporais situada na planta baixa da Casa da Cultura. A partir de entón, poderá visitarse ata o día 30, de luns a venres de 11 a 14 e de 16 a 19 horas.
Poderemos ver nela os resultados finais dun proxecto realizado nas aulas durante o último mes. Está formada por unha escultura cubista de cada un dos alumnos e alumnas dos tres cursos de Infantil, ademais de fotografías e textos explicativos do proceso que se levou a cabo para a realización do proxecto: mezclas de cores coas mans, aprendizaxe das formas e cores mediante a mesa de luz, a montaxe…
Un proxecto que se iniciaba como unha forma de achegamento do alumnado ao arte, elixindo a Picasso como referente pola súa relevancia no cubismo e no arte en xeral, xa que non só traballaron a súa etapa cubista senón que tamén abordaron outras como a época azul ou a época rosa do artista, con debuxos que forman parte do cartel anunciador da mostra.