Os pequenos e pequenas artistas de Educación Infantil do CPI Atios amosan o seu talento na mostra “Spray. Festa monstruosa”
Expoñen as súas creacións na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura ata o 30 de novembro
Valdoviño, 17 de novembro de 2021. Os pequenos alumnos e alumnas de Educación Infantil do CPI Atios protagonizan a nova mostra da sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Valdoviño. Unha expo baixo o título «Spray Festa Montruosa» que todos poderemos visitar ata o 30 de novembro en horario de 12 a 14 e de 17 a 19 horas de luns a sábado e de 10 a 14 h os domingos.
Con esta exposición, nenos e nenas culminan un proxecto que xurdiu do Samaín, no que traballaron nas aulas os medos e os seres fantásticos dende unha vertente artística. Nunha desas dinámicas, coñeceron o último proxecto de Olga de Dios, no que pintaba con sprays con base de auga, unha ferramenta moi pouco explotada na escola. A artista, autora de libros como «Monstruo Rosa», «Monstruo Azul» e outros, axuda a nenas e nenos a comprender a importancia da diversidade, do respecto polos demais, da escoita, do coidado do medio ambiente… valores que dende a escola queren fomentar e a autora abandeira nas súas obras.
Partindo dos seus contos e inspirados no seu actual proxecto, comezaron entón a crear personaxes a partir de raias e manchas ás que se lle ían dando forma e despois emoción. As emocións aparecían con cores, ollos, bocas, cellas, pestanas ou sen elas, nun proceso creativo no que non saían dúas personaxes iguais. Todas elas son monstros, personaxes sen xénero e sen estereotipos pero de todas as formas e cores.
Finalmente pasaron a traballar con sprays, modelos de ollos e bocas, pinceis, tapóns, esponxas, cepillos e todo tipo de ferramentas. Os nenos e nenas deron vida a este proxecto participando no só en tódalas tomas de decisión senón tamén deseñando o cartel, invitacións, papeletas, escribindo cartelas e colocando as súas obras.
O resultado final podédelo ver na sala de exposicións da Casa da Cultura. Unha actividade agora incluída na programa «Somos e Contamos» coa que o Concello conmemora o Día para a Eliminación da Violencia contra a Muller.
Os pequenos autores e autoras da mostra recoméndannos, en todo caso, facer sempre que poidamos unha visita diurna e outra nocturna, xa que a luz múdao todo.