Os novos talentos do jazz contemporáneo actuarán en agosto na costa ártabra

O festival amplía a cinco días o seu cartel de concertos e actividades en escenarios privilexiados de Valdoviño, Cedeira, Neda e Narón

Valdoviño, 27 de xuño de 2024. Do venres 16 ao martes 20 de agosto, Narón, Neda, Valdoviño e Cedeira serán de novo os escenarios da oitava edición do Jazz de Ría, que este ano contará cun cartel de artistas que representan os novos camiños do jazz, confirmándoo como un xénero cada vez máis vivo e presente de forma orgánica nas propostas artísticas que van emerxendo.

O festival arrancará coa indómita e inclasificable natureza artística do pianista menorquín Marco Mezquida no Pazo da Cultura de Narón para viaxar despois desde as abordaxes intimistas das galegas Antía Muíño e Leticia Rey ata o jazz de cuño mediterráneo de Alba Careta Group e Magalí Sare & Manuel Fortià, facendo paradas tamén no jazz-rock progressivo dos ferroláns Demo Rumudo, no proxecto vertebrador do Cuarteto Federal, e na aposta personalísima do compostelán Pablo Sanmamed Trío, desta vez xunto ao óboe e o corno inglés do reputado Benxamín Otero.

Completan o programa as aulas abertas de baile conducidas por Swing On, o curso de palmas flamencas que impartirá Isaías Salazar, un obradoiro de fabricación de instrumentos musicais con material de refugallo a cargo da Escola da vaca, o piano bar itinerante de Le BarLuthier, e un roteiro musical polos Balcóns do Atlántico cunha intervención do saxofonista Lois Rivera.

Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o obradoiro da Escola da Vaca, para o que será preciso facer inscrición de balde a partir do 1 de agosto na web do festival.

O Jazz de Ría continúa fiel ao seu obxectivo de converter a costa ártabra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz, cunha proposta na que se funden música e identidade, desde os principios da sostibilidade e a responsabilidade coa contorna natural e social.