Os nenos e nenas de Taraza dan as últimas pinceladas ao gran mural creado por un dos avós na fachada da escola
A costa de Meirás protagoniza a obra de Crisanto Poveda
Valdoviño, 5 de maio de 2022. Pinceis en man, os preto de 20 nenos e nenas da escola unitaria de Taraza (Meirás) axudaban esta mañá a Crisanto Poveda Gallego nos trazos finais do gran mural que durante as últimas semanas estivo a pintar nunha das paredes exteriores do centro educativo. Unha fermosa imaxe que todos e cada un dos nenos e nenas identifica no seu día a día: a costa de Meirás, co Faro de Punta Frouxeira e a Capela do Porto como protagonistas; con percebeiros nas rochas, e cun esquío, imaxe das unitarias de Valdoviño, correteando pola zona. Unha iniciativa que naceu da implicación das familias no programa formativo da escola, tal e como explicaba Crisanto, pintor afeccionado, profesor xubilado tras 3 décadas no cole de San Sadurniño, e avó de Gus, estudante do centro. E tamén de Rodrigo, que se incorporará o próximo curso.
Fixo a proposta ás docentes, e estas dixeron si dende o minuto cero. A partir de aí, Crisanto presentaba o boceto e poñíase mans á obra. Na xornada de hoxe, os nenos e nenas sumábanse á iniciativa e completaban a obra.
É o primeiro gran mural que Crisanto realiza, tras pequenos murais froito do seu traballo como docente durante 30 anos en San Sadurniño. Iso si, asegura que a afección pola pintura venlle de neno e xa con 30 anos realizaba a súa primeira exposición. Dende entón ten amosado a súa obra, centrada en paisaxes, en diferentes localidades, incluída a nosa, onde lle gustaría volver a expoñer. Dende xa, Meirás suma obra artística coa súa firma.