Os nenos e nenas da Aula da Natureza volven contribuír á conservación e protección da Galiña de Mos

Tras os 21 días de rigor, os pitiños saían esta mañá do cascarón

Valdoviño, 16 de maio do 2025. Transcorridos os 21 días de rigor, os pitiños da raza Galiña de Mos saían esta mañá do seu cascarón. Os pequenos e pequenas da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia cumpriron con nota o seu cometido, e encargáronse dos coidados que os ovos precisaron na incubadora. Xunto a eles e elas, a supervisión das educadoras Montse, Rosi e María.

Hoxe, o persoal da asociación Avimós achegábase ao centro para comprobar que todo saíra segundo o previsto, felicitando aos nenos e nenas polo seu traballo a favor da conservación desta raza autóctona. Un a un foron sacando os pitos, e tras un ilusionante contacto cos alumnos e alumnas, as familias leváronnos para as casas.

O proxecto de Avimós iniciábase en Valdoviño en 2018, ao ano seguinte de abrir o PAI, e nin a pandemia foi quen de paralizalo. Os pitiños son «adoptados» cada ano polas familias, contribuíndo así á súa conservación e protección, e dando tamén visibilidade a unha raza que aínda continúa en perigo de extinción.