Os mellores shapers de Galicia danse cita en Valdoviño para abordar o pasado, presente e futuro do oficio

O Océano Surf Museo acollerá este sábado ás 12:00 horas unha mesa redonda aberta ao público no marco da exposición “Artesanos do Surf: Historia do Shape en Galicia”

Valdoviño, 29 de xullo de 2022. Algúns dos mellores shapers de Galicia daranse cita este sábado 30 de xullo no Océano Surf Museo para participar nunha mesa redonda na que abordarán o pasado, presente e futuro do seu oficio. A partir das 12:00 h, Vito Fernández, de Crest Surfboards; Rufino Tizón, de Rufo´s Surfboards, e Ricardo Veiga, de Toma Goma Surfboards, daranse cita nesta iniciativa coa que se porá o broche de ouro á exposición «Artesanos do Surf: Historia do Shape en Galicia». Jesús Busto, presidente do Océano Surf Club, promotor da mostra, encargarase de moderar a mesa redonda, aberta á participación do público. 

A expo pode visitarse na Casa da Cultura, con entrada gratuíta, ata o domingo. Hoxe e mañá sábado de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 h, e domingo de 10:00 a 14:00 h. 

A través desta mostra, o público pode coñecer de preto o proceso de elaboración das táboas de surf, materiais, técnicas, ferramentas… e tamén aos shapers máis relevantes na nosa Comunidade, con parada obrigada nunha selección de pranchas históricas made in Galicia.