“Os fabulosos cleaners” traen a Valdoviño un espectáculo con sorprendentes e máxicas pompas de xabón para desfrutar en familia
O Concello convida á veciñanza a asistir ao espectáculo este domingo ás 18 horas no auditorio da casa da cultura
Valdoviño, 16 de decembro do 2025. O Concello de Valdoviño convida a nenos/as e maiores a asistir este domingo 21 de decembro ao sorprendente espectáculo teatral con pompas de xabón “Os fabulosos cleaners”. Unha fantástica experiencia visual para participar toda a familia que comezará ás 18:00 horas no auditorio da casa da cultura. A entrada é de balde, e libre ata completar aforo. Así mesmo, ao remate da función, o Apalpador achegarase ata o centro para saudar aos máis pequenos e pequenas da casa, e convidalos á inauguración do seu refuxio temporal na Porta do Sol, que terá lugar inmediatamente despois do espectáculo.
A peza “Os fabulosos cleaners”, con Xoque Carbajal e Jouse García, trae a Valdoviño a dous operarios da limpeza do teatro que descobren por casualidade as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir de aí, emprenderán unha excitante viaxe conducida polas fantásticas pompas e burbullas. O público sorprenderase con pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario… e deste xeito, os espectadores poderán camiñar da man destas dúas personaxes por un mundo máxico, cheo de cor e de moito humor.
