Os establecementos de Turismo Slow Norte de Galicia teñen acceso directo ao Club de Produto “Galicia Destino Sostible”

A pertenza a Turismo Slow Norte de Galicia considérase un criterio habilitante para formar parte de ‘Galicia Destino Sostible’

Valdoviño, 19 de abril de 2024. Valdoviño acolleu esta semana unha charla técnica organizada pola Mancomunidade para dar a coñecer aos aloxamentos que forman parte do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia o proceso de adhesión ao clube de produto Galicia Destino Sostible. Esta adhesión é posible grazas ao acordo establecido entre a propia Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, a da Mariña Lucense e o Clúster de Turismo de Galicia. A xuntanza, que arrancaba cunha breve intervención do alcalde, Alberto González, celebrouse no centro sociocomunitario, coa asistencia dunha decea de negocios.

«Galicia Destino Sostible» é unha iniciativa do Clúster de Turismo de Galicia, coa colaboración de Turismo de Galicia, que naceu no 2022 co obxectivo de integrar a oferta turística sostible da comunidade, poñendo en contacto ás empresas adheridas con turistas interesados nunha experiencia comprometida co desenvolvemento local, co bo uso dos recursos naturais e co apoio á cultura, ao patrimonio histórico e á tradición.

Actualmente, forman parte de «Galicia Destino Sostible» preto de 90 empresas entre aloxamentos, restaurantes, axencias de viaxe e provedores de oferta turística complementaria que ofrecen máis de 150 produtos de diferentes tipoloxías.

Nesta charla, ofrecida aos aloxamentos pertencentes á rede de Turismo Slow Norte de Galicia explicouse o proceso de adhesión automático, ao ser criterio habilitante a pertenza a esta rede, e indicouse como xestionar a área privada, así como a creación e publicación de experiencias sostibles dentro do produto Galicia Destino Sostible.