Os donos de terreos da concentración parcelaria poderán retirar na Casa da Cultura os seus títulos 25 anos despois de iniciarse o proceso
Poderán recollelos o venres 2 de febreiro de 10:00 a 14:00 horas, e o luns 5 e martes 6 de febreiro de 10:00 a 16:00 horas
Valdoviño, 25 de xaneiro de 2024. Os donos e donas de terreos resultantes do proceso de concentración parcelaria de Lago-Meirás iniciada hai 25 anos poderán retirar os seus títulos de propiedade a partir da vindeira semana na Casa da Cultura de Valdoviño. Con este trámite finalizará definitivamente un proceso que arrincaba en 1998 e afectaba tamén á parroquia naronesa do Val. Alcanzou máis de 1.100 hectáreas distribuídas en 7.450 parcelas pertencentes a máis de 2.000 propietarios. Unha cifra de parcelas reducida ata as 3.100 en números redondos, o que supuxo a concentración do 40% da superficie en Narón e máis do 30% en Valdoviño.
O Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial do Medio Rural contactaba estes días co Concello de Valdoviño para planificar o acto de entrega dos títulos de propiedade, que finalmente se celebrará na Casa da Cultura en 3 datas diferentes para dar resposta ao alto número de propietarios/as. Así, a primeira terá lugar o venres 2 de febreiro, de 10:00 a 14:00 horas, e á semana seguinte, haberá 2 xornadas de entrega: o luns 5 e o martes 6 de febreiro, en horario de 10:00 a 16:00 horas.
No caso de propietarios, será preciso presentar o DNI; se quen acode é unha persoa autorizada, fotocopia dos DNIs das 2 persoas e autorización asinada polo titular; se se trata de herdeiros/as terán que achegar un certificado de defunción ou testamento ou declaración de herdeiros ou partición notarial ou oficial de herdanza de ser o caso, e se quen solicita o título é un comprador terá que presentar a escritura pública de adquisición de predios de sustitución.