Os cursiños de natación na piscina municipal despediranse con dúas xornadas de baño en familia
Preto de 140 persoas participaron este verán nas actividades acuáticas de Ociosol
Valdoviño, 26 de agosto do 2025. Co mes de agosto rematan os cursiños estivais do programa Ociosol na piscina municipal de Lago. E así, o Concello prepara unha semana especial de actividades coa que despedirá o verán 2025, entre as que cabe destacar as sesións de baño en familia, pensadas para que os proxenitores compartan cos seus fillos/as pequenos un tempo de xogo e diversión na auga.
Segundo apuntan dende a Concellería de Deportes, esta proposta desenvolverase os últimos días da semana (xoves 28 e o venres 29 de agosto). No tempo habitual de cada cursiño, cada alumno e alumna e un familiar adulto, que teña autonomía na auga, poderán desfrutar xuntos da instalación deportiva. Estas actividades especiais non alterarán os horarios, e serán unha boa ocasión para comprobar os progresos dos nenos e nenas tras este tempo de formación.
A instalación deportiva, que iniciaba a súa actividade o 1 de xullo, volveu ser este verán peza fundamental da programación deportiva municipal. A oferta de actividades de natación deste ano incluíu catro grupos de iniciación, dous para nivel intermedio e un de perfeccionamento, ademais de sesións para bebés -de 4 a 36 meses acompañadas/os dunha persoa adulta-, aquagym, e nado libre. En total, participaron preto de 140 persoas. Na xornada do mércores está prevista a tradicional entrega de diplomas.
