Os centros educativos de Valdoviño toman nota da experiencia educativa de Reggio Emilia grazas ao programa Erasmus+
Docentes do CRA e do CPI Atios viaxaron á cidade italiana para coñecer o modelo impulsado polo pedagogo Loris Malaguzzi e a sociedade civil, e que guiou a reconstrución das escolas trala II Guerra Mundial
Valdoviño, 30 de xaneiro do 2025. O proxecto internacional Erasmus+ brindoulle a oportunidade a docentes do CRA de Valdoviño e do CPI Atios de coñecer recentemente o modelo educativo de Reggio Emilia, en Italia. Impulsado polo pedagogo Loris Malaguzzi, e coa absoluta complicidade da sociedade civil, guiou a reconstrución das escolas da cidade trala devastación provocada pola II Guerra Mundial, e hoxe constitúe todo un referente no ámbito da educación en todo o mundo. Segundo nos explica Lucía Leira, profe da escola unitaria de Taraza e unha das docentes que participou da experiencia, este modelo aséntase en tres piares: os mestres e mestras como guías, os nenos e nenas como actores principais da súa propia aprendizaxe a través do descubrimento, e o espazo como elemento educador. De aí a importancia do deseño das escolas, con espazos abertos, luminosos, interconectados e cunha praza central para o encontro de todo o alumnado.
Lucía engade que as 90 escolas adheridas a este modelo coas que conta a cidade seguen tamén a filosofía das 100 linguaxes de nenas e nenos, e traballa sobre as 99 que considera que a sociedade lles “rouba” por defecto ao centrarse nos coñecementos teóricos en detrimento doutros como a linguaxe corporal, o teatro, a expresión artística, o baile… de aí que cada aula conte cun docente, un pedagogo e un artista que, no seu atelier, potencia os talentos de nenas e nenos.
Ademais, explica que a conexión coa natureza é total, e favorécese o traballo con material de descarte, unha experiencia que, asegura, podería replicarse na zona. En Reggio Emilia, industrias e fábricas ceden aquel material que sae con algunha tara ou non cumpre os estándares de calidade esixida, de modo que cada certo tempo é recollido por unha empresa de transporte contratada polo Concello para, posteriormente, repartilo entre veciñanza e centros educativos previo pago dunha cuota. Unha acción coa que se traballa, e moito, a sostibilidade.
Para Lucía foi, sen dúbida, unha das mellores experiencias de aprendizaxe coas que continuar traballando nas aulas locais. Unha iniciativa posible grazas ao Centro de Formación do Profesorado -CFR- de Ferrol, que impulsa este tipo de programas entre os centros educativos da zona.