Os cativos e cativas de Concilia Tempos Verán participan en Pantín na campaña autonómica Veráns de Lecer Consumo

Ao longo da mañá celebráronse dúas sesións: xogueteando un lecer diferente e máis a xincana do consumo responsable

Valdoviño, 10 de xullo do 2026. A campaña autonómica “Veráns de Lecer Consumo” chegaba onte aos campamentos municipais Concilia Tempos Verán que organiza o Concello de Valdoviño no local social de Pantín. A Concellería de Servizos Sociais solicitaba a súa adhesión á iniciativa, coa que se promove a educación en materia de consumo transversal mediante un lecer alternativo. O obxectivo último é lograr unha sociedade formada por persoas consumidoras conscientes, solidarias e responsables, comprometidas coa súa contorna, coñecedoras dos seus dereitos e activas para defendelos.

Deste xeito, os nenos e nenas de Valdoviño participaron, segundo a idade, en dous talleres diferentes: “Xogueteando un lecer diferente”, para cativos e cativas de 3 a 6 anos, e máis “A Xincana do Consumo Responsible”, para aqueles e aquelas de 7 a 12 anos. Unha forma de aprender dun xeito lúdico fiel á filosofía do proxecto municipal.