Os campións galegos de tenis de mesa nas categorías benxamín, prebenxamín, alevín e xuvenil decidiranse este mes en Valdoviño
O pavillón municipal O Longoiro acollerá os campionatos autonómicos o sábado 30 e o domingo 31 de maio, organizados pola federación coa colaboración do Concello de Valdoviño e o Club Tenis de Mesa Narón
Valdoviño, 12 de maio do 2026. Valdoviño acollerá por primeira vez uns campionatos galegos de tenis de mesa organizados pola federación. Será nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín e xuvenil, e esta semana, o alcalde, Alberto González, xunto ao concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, presentaba o cartel das competicións xunto ao presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, entidade encargada da loxística.
O campionato benxamín e xuvenil disputarase o sábado 30, namentres que o domingo 31 de maio será o turno das categorías prebenxamín e alevín. As dúas xornadas celebraranse no pavillón municipal O Longoiro, en horario de mañá a fase clasificatoria e de tarde as finais.
As inscricións están abertas ata este venres 15 de maio, cando se coñecerán os 16 xogadores e as 16 xogadoras que formarán os cadros en cada categoría. Agárdase que confirmen asistencia os 4 primeiros clasificados do ránking nacional, así como aqueles que foron logrando os mellores resultados nas fases previas. Quedarían entón algunhas prazas de participación aberta para xogadores e xogadoras federadas.
A entrada é aberta e libre, e na presentación, o alcalde animaba á cidadanía, e especialmente aos máis novos e novas, a desfrutar como público das competicións das que sairán os campións galegos neste 2026.
