Os Asaltos Musicais regresan a Valdoviño
Veciños e visitantes poderán asistir a concertos espontáneos sen reservar entrada, en calquera espazo e momento o 25 e 30 de xullo
Valdoviño, 18 de xullo do 2023. Os Asaltos Musicais, no bo sentido da palabra, regresarán a vindeira semana a Valdoviño. Sen necesidade de retirar entrada nin reservar asento, calquera veciño ou visitante poderá converterse en público dos diferentes concertos espontáneos que se sucederán durante os días 25 e 30 de xullo. Noutras edicións, espazos tan emblemáticos como o Faro de Meirás, o Miradoiro do Paraño ou as praias do municipio convertíanse nalgúns dos escenarios para estes recitais imprevisibles, que impulsa dende hai xa 9 anos o profesor e músico Ignacio Sanz Santás ao fronte da agrupación musical Pantinhaus. Nesta edición, e froito da participación da Asociación Valdoviño Cultura Extrema, haberá unha segunda xornada de asaltos musicais.
O único seguro son as datas. Na primeira, o martes 25 de xullo, festivo nacional, a batukada poderá soar a calquera hora e en calquera lugar. E o domingo 30, os asaltos, coa implicación de Valdoviño Cultura Extrema, permitirannos desfrutar dos concertos RE-CICLAN-DO, nos que a música nace de apeiros de labranza e outros obxectos cotiás reconvertidos en instrumentos. O obxectivo nun e noutro caso é o mesmo: achegar a música á cidadanía e sorprender.
Comentarios