Os Asaltos Musicais regresan a Valdoviño

Calquera veciño ou veciña poderá converterse en público inesperado destes concertos espontáneos que terán lugar o domingo pola mañá

Valdoviño, 10 de setembro do 2026. Os Asaltos Musicais regresan a Valdoviño da man da agrupación Pantinhaus en asociación coa formación de batukada Dalle que Dalle. Volverán despregar toda unha serie de intervencións artísticas sen lugar nin hora concreta. O único seguro é o día: este domingo pola mañá. Así, calquera veciño ou veciña que saia da casa a pasear ou aqueles outros que visiten a localidade poderán converterse en público inesperado destes concertos espontáneos.

A iniciativa, na que colabora o Concello de Valdoviño, busca achegar a música á cidadanía e sorprender. Noutras edicións, o Faro de Punta Frouxeira, o Miradoiro do Paraño ou diferentes praias da localidade convertéronse en auditorios improvisados por obra e gracia deste proxecto que impulsa dende hai máis dunha década o profesor e músico Ignacio Sanz, ao fronte de Pantinhaus.